Friday 03 de May de 2024

Máis dun cento de persoas participa na emotiva despedida de Ezgi Alkaya e Ülkü Kosdas, voluntarias europeas de Lousame


A alcaldesa, Teresa Villaverde, e a directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, entregáronlles os Youthpass,

A alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, e a directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, presidiron o acto de despedida das dúas voluntarias turcas, Ezgi Alkaya e Ülkü Kosdas, que participaron durante os dez últimos meses no programa de voluntariado europeo “European Solidarity Corps”. Un acto que tivo lugar na tarde/noite deste sábado e que colleu por sorpresa a ambas as dúas voluntarias, que volverán a Turquía o próximo luns 13 de marzo, xusto despois da Andaina Solidaria en beneficio de Turquía e Siria proposto e organizado por elas.

Teresa Villaverde e Cristina Pichel fixéronlles entrega a Ezgi Alkaya e Ülkü Kosdas dos certificados Youthpass, un instrumento de recoñecemento europeo que sirve para identificar e recoñecer os resultados da aprendizaxe adquiridos durante os dez meses que estiveron en Lousame. Villaverde Pais salientou que “son unhas rapazas moi educadas e amables, que nunca dixeron non a ningunha das actividades que se lles propuxeron e que se fixeron querer aló por onde estiveron en contacto cos veciños e veciñas de Lousame”. Así mesmo, diante da situación difícil que se vive na súa Turquía natal, asegurou que “estamos aquí para o que poidamos axudar”.

Lousame, referencia en Galicia en voluntariado

Pola súa banda, Cristina Pichel felicitounas “por ese compromiso de ser unhas veciñas máis, por ser quen de integrarvos na nosa comunidade e ver como hoxe son eles quen agradecen o voso traballo”. Ademais, destacou que “fixestes moitísimas cousas e todos os veciños e veciñas estarán encantados de volver a acollervos”. Finalmente, Pichel tivo palabras de recoñecemento para o Concello de Lousame porque “non é fácil facer estes programas. Sodes unha referencia en Galicia. Así o dixemos no Congreso Galego de Voluntariado e penso que tendes que servir de exemplo para outros Concellos, para que sexan conscientes de que é moito máis o que se recibe que o que se dá”.

Finalmente, o técnico de Voluntariado, Xosé Manuel Outeiral, destacou o traballo realizado nestes dez meses por Ezgi Alkaya e Ülkü Kosdas, ao tempo que lembrou que “Lousame é un dos poucos municipios de Galicia que xestiona programas de Voluntariado Europeo, sendo ao mesmo tempo entidade de envío como de acollida de voluntariado. De momento non enviamos a ninguén de Lousame a Europa, pero aproveito para animar aos presentes a que lle dean unha volta a esta oportunidade”.
Agradecemento

Ezgi Alkaya e Ülkü Kosdas estiveron moi emocionadas durante todo o acto, pois pensaban que era unha despedida co persoal municipal e se atoparon con máis dun cento de persoas coas que estiveron en contacto durante a súa estancia en Lousame. Ezgi Alkaya asegurou que “venir aquí fue muy agradable. Fue un placer conoceros, os quiero. Me siento muy feliz y muy emocionada” e agradeceu estar entre “gente tan acogedora que me han hecho sentir como en mi casa. Gracias de corazón”, Así mesmo, destacou a súa estancia en Galicia: “estoy agradecida por lo que vi, por lo que comí y por las amistades que llevo conmigo. Estaré siempre pensando en lo bonita que era la puesta de sol en Galicia. Galicia calidade”.

Por su parte, Ülkü Kosdas aseguró que “lo pasé muy bien en Galicia y me ha recordado mucho a mi infancia. Me iré con muy buenos recuerdos de aquí. Gracias a todos y en especial a Outeiral”, co que se abrazou no escenario.

Agasallos

O Youthpass non foi o único agasallo que levaron Ezgi Alkaya e Ülkü Kosdas. A concelleira de Mocidade e Igualade, Silvia Agrafojo, entregoulles sendas figuras de Sargadelos, mentres que dende o grupo O Son do Pote e as pandereteiras da Aula Sénior da UNED quixeron colaborar no acto poñendo a súa música e entregándolles sendos poemas escritos por unha veciña do municipio. A maiores, agasalláronas con varios cadros da estancia de Ezgi e Ülkü en Galicia, obra de Juan Carlos Lorenzo.

O Concello de Lousame é un dos poucos municipios de Galicia que xestiona programas de Voluntariado Europeo, sendo ao mesmo tempo entidade de envío como de acollida de voluntarios/as. En 2017 iniciou este camiño coa acollida de dúas voluntarias, a francesa Lucíe Rimasson e a rusa Anna Uvarova (presente no acto de hoxe); entre 2018-2019 contaron coa colaboración da ucraína Oksana Kalinicheko e a rusa Iuliia Bautdinova; mentres que a persoa que ía participar no programa de 2020 volveu á súa terra natal xa que a súa chegada coincidiu co inicio dos meses de confinamento pola Covid-19. No 2021 contaron coa colaboración doutras dúas voluntarias turcas, Ebru Karaca e Dilara Güven.